"Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é o lema deste ano para as bibliotecas escolares.
O ilustrador Xosé Tomás foi o encargado, nesta ocasión, de realizar a interpretación gráfica do lema anual.
Unha biblioteca escolar supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para desenvolver o pensamento complexo.
A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.
(Texto extraído do Blog de bibliotecas escolares de Galicia)

Ningún comentario:
Publicar un comentario